Un obxectivo básico deste proxecto é a restauración dos soportes sobre os que se gravaron estas maravillosas escenas e motivos abstractos, profundamente suxerentes, alá, nos afastados tempos da Prehistoria. E tanto século por riba non pasa en balde. Colonizacións biolóxicas, erosión, efectos dos incendios forestais, costras de sucidade e mesmo camadas de sedimento, ocultaban os grabados e facían difícil a súa percepción. Un drama para calquera manifestación artística, que por definición faise para ser vista. E non só iso, a mítica Pedra das Ferraduras de Fentáns, icona da Arte galega de todos os tempos, definida, moi afortunadamente por un arqueólogo actual como a "Pedra de Rosetta" da arte rupestre prehistórica, viña de sufrir nos últimos anos actos vandálicos en forma de esgrafiados, retocados dos motivos e rascados do soporte, cos típicos mensaxes escatolóxicos máis ou menos esplícitos. Era un segredo a voces que este leigado magnífico estaba ás portas da UCI.
E aquí entramos, agora en plena faena. Comandados polos restauradores Iria e Álex, o equipo técnico desenvolve un traballo metódico e delicado na procura de devolverlle a dignidade a eses cadros espectaculares. Nunca saberemos que quixeron dicir, e certamente non os gravaron para ser lidos hoxe, catro mil anos despois. Pero perduraron e fixéronse eternos. Por eso os amamos e os coidamos tanto.
No hay comentarios:
Publicar un comentario