E non figura así porque xogue na segunda división. A Pedra das Ferraduras, a proa do conxunto de Fentáns, está na "zona cero" da Arte Prehistórica galega. Trátase dun petróglifo excepcional, pero tamén un dique, un rompeolas contra o que moitas cabezas de arqueólogo téñense esnaquizado.
Os gravados, seguramente feitos en épocas distintas ou durante unha longa secuencia temporal, reflicten toda a panoplia de motivos dos petróglifos atlánticos galegos: cuadrúpedes, representacións humanas, armas, coviñas, combinacións circulares, as enigmáticas figuras coñecidas como "ídolos"... e tamén as pegadas de ungulados, unha suxerente metonimia do animal (a parte polo todo). Deste motivo recibe a laxe o seu nome propio, "Pedra das Ferraduras", porque semellan a impronta deixada na lama polas vacas ferradas dos labregos galegos, a pegada dos "callos", como se chamaba a estas ferraduras dan populares e arestora practicamente desaparecidas. En resumo, un rexistro apabullante.
Pero o máis do máis radica en que que todo o conxunto é susceptible de ser lido a partir de esceas que representan acontecementos concretos: unha viñeta de caza, outra de empoderamento do guerreiro, outra de animais, movéndose na escuridade da noite, que se sinten, pero non se ven (as "ferraduras"), e outras máis, sempre suxestivas e impactantes.
Nestes días de novembro, este relato múltiple que saíu das crenzas daqueles que nos precederon nos afastados tempos da Prehistoria, volve á luz. Deteriorado, parcialmente oculto, agredido unha e outra vez por actos de vandalismo inclasificables, retorna da lacena dos arcanos. Agora, a nosa "Capela Sixtina" prehistórica renace. Só nos queda coidala e gozala como de verdade se merece: unha obra mestra da Arte europea de todos os tempos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario