E completa este "cadrado máxico" da Arte rupestre galega outra estación soberbia e icónica: a Portela da Laxe, na parroquia de Viascón, atalaia e auténtico balcón do Lérez. Dada a coñecer no panorama científico por Sobrino Buhigas na primeira metade da década dos anos 30 do século pasado é un petróglifo de moito carácter e motivos singulares. Utiliza como soporte un afloramento de granito de superficie plana en lixeira pendente e orientado ao poñente, á cunca do gran río pontevedrés.
A Portela da Laxe durante os traballos de limpeza
Sobre esta superficie óptima gravouse, con seguridade en varios momentos ou ao longo de moito tempo, unha composición abigarrada formada por combinacións circulares e outros motivos abstracos de características propias e moi atípicos, como os cadrados con coviñas inscritas. En todo caso, poden verse similitudes con outras estacións da zona alta do concello, como a pedra Redonda das Cuadas dos Mouros ou a Cava da Serpe, en Carballedo, na bacía alta do Almofrei.
Esta estación foi escollida pola súa singularidade, certamente, pero tamén polo seu estado de abandono, o que, en realidade, a clasificaba como "non visitable". Chea de vexetación, parcialmente cuberto de sedimento e frouma o soporte, co peche nun estado lamentable, pedía a berros unha actuación que lle devolvese a dignidade perdida.
E non foi doado. De feito, os traballos de roza e limpeza foron máis duros e complexos que en ningunha outra laxe. Unha vez acondicionada a contorna e limpo e restaurado o soporte, os gravados volveron do alén, como un renovado mensaxe do inframundo. A mellora do peche, coa substitución da baranda de ferro, instalada pola Deputación provincial nos anos 70 do pasado século, por un elemento moito menos impactante e duro, así como a colocación dun panel interpretativo ao seu carón, completou un traballo de posta en valor que pon á disposición de todos unha das estacións de gravados máis enigmáticas e fascinantes do Noroeste. Agora, só tedes que vir e gozar dunha visita única.
No hay comentarios:
Publicar un comentario