Como as aves que migran ás portas do inverno, volvemos outra campaña aos petróglifos de Cerdedo - Cotobade, unha das zonas con maior densidade de arte rupestre ao aire libre de toda Europa. Neste ciclo que comezou en 2021, a actuación deste ano, que ten por título REALIZACIÓN DE TRABALLOS DE LIMPEZA, DOCUMENTACIÓN E SINALIZACIÓN DOS XACEMENTOS ARQUEOLÓXICOS DE CASTRO DA CIVIDÁ E PETROGLIFO DE EIRA DOS MOUROS, está promovida polo Concello de Cerdedo - Cotobade e financiada mediante un convenio asinado coa Consellería de Cultura, Educación Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia.
Como o título do proxecto xa deixa claro, os bens sobre os que se actúa son o Castro da Suvidá e o gravado da Eira ou Pedra dos Mouros, un dos petróglifos máis enigmáticos e icónicos de Galicia. Os dous axuntados un ao outro, confifuran un conxunto magnífico, situado nunha paisaxe espectacular, a bocarribeira Sur do Lérez, dominando as agras e socalcos da fermosa parroquia de San Xurxo de Sacos.
Os traballos seguirán as pautas habituais: roza e limpeza do manto vexetal e biomasa, acondicionamento do acceso, limpeza e restauración dos gravados e sinalización dos xacementos. O obxectivo, como sempre, garantir a conservación dos depósitos e facilitar a súa posta en valor como recurso cultural e turístico.
O proxecto, executado por Árbore, Soc. Coop. Galega, está dirixido polo arqueólogo Benito Vilas Estévez, contando con Alejandro Pujales Souto, como responsable de restauración, e con Tito Concheiro como encargado do Plan de Difusión.
Ao longo deste roteiro, iremos comunicando o devalar do traballo e o día a día deste magnífico proxecto. Esperámosvos!
No hay comentarios:
Publicar un comentario