O Lombo da Costa é un esporón que deseña un agudo meandro do Lérez, aí onde o gran río pontevedrés flúe fortemente encanonado, un verdadeiro fiordo interior ás portas das Rías Baixas. Pero tamén é un dos lugares con maior densidade de gravados rupestres prehistóricos de toda Europa. Podemos dicir, sen temor a equivocarnos, que todas as laxes que dexergamos nesta paisaxe de bocarribeira pura, teñen algún tipo de representación gráfica. E non é unha esaxeración.
Por qué están aquí? E por qué son tantas? Nunca o saberemos, pero só abonda con ollar arredor, ao lado mesmo, e contemplar os santuarios da Virxe de Lixó, en Fentáns, e o descomunal conxunto dos Santos Xusto e Pastor (Cosme e Damián, os Dióscuros, os fillos de Xúpiter, o máximo total dos lugares sacros do país), para decatarse de que algo se leva cociñando neste lugar dende fai milleiros de anos.
A xoia da coroa deste conxunto arqueolóxico espectacular é a fermosísima Laxe das Rodas, un afloramento chan, lixeiramente emborcado ao poñente, que amosa a súa superficie chea de gravados. Os máis rechamantes son as combinacións circulares (algunha ata con oito circos concéntricos, unha verdadeira salvaxada), pero tamén hai zoomorfos, coviñas e outros.
Neste verdadeiro "horror vacui", resulta difícil identificar escenas. Todo é abigarrado e desmesurado na estación máis barroca de toda a arte prehistórica galega. Pero non nos quedamos só aquí. O seu poder de atracción, a brutal forza escenográfica do emprazamento e unha contorna trufada de símbolos sagrados, fai dela unha das referencias indiscutibles do Patrimonio Cultural galego.
É un pracer estar aquí, é un pracer estar contigo, é un pracer devolverte a beleza e procurar a fonte da eterna xuventude. Grazas, Laxe das Rodas, a vixía que sempre acompañará aos heroes no seu devalar polo río sagrado.
Laxe das Rodas, hoxe mesmo, durante a súa restauración, e nunha imaxe da primeira metade da década dos anos 30 do século pasado, tiradas aproximdamente dende o mesmo ángulo. Na máis vella pode verse o inmenso e sobrecolledor canón do Lérez (sen árbores daquela) e tres persoeiros con roupa de campo. O situado á dereita dun home no identificado é Ramón Sobrino Buhígas, pioneiro dos estudos de arte prehistórico en Galicia. Ocupa a esquerda do trío Enrique Campo Sobrino, curmán seu, artista polifacético, home de ampla cultura e falecido moi xove. Debuxante superdotado, a el débense as primeiras, e mellores, reproduccións gráficas de petroglifos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario