miércoles, 26 de octubre de 2022

Comezamos!

Presentamos a folla de ruta do Proxecto de limpeza, restauración e posta en valor dos petróglifos do concello de Cerdedo - Cotobade, aí, nesa paisaxe suxerente pola que flúe o gran río pontevedrés, o Lérez mítico, encanonado entre os santuarios de San Xusto e Lixó, procurando a eternidade dos longos horizontes grises.

O traballo, dende unha perspectiva interdisciplinar, ten como obxectivo catro das grandes estacións de gravados rupestres prehistóricos do Noroeste, verdadeiras iconas da arqueoloxía galega e auténticas portadas da Historia do país: Laxe dos Cebros, Pedra das Ferraduras, Laxe das Rodas e Portela da Laxe, pedras míticas que se xunguen aos topónimos das veigas nas que habitan, máis propios de guerreiros pondalianos que dun vulgar nome nun plano: Fentáns, Sacos e Viascón.

O proxecto, promovido polo Concello de Cerdedo - Cotobade e a Xunta de Galicia e executado por Árbore Soc. Coop. Galega, contempla a roza da vexetación, o acondicionamento do acceso e a restauración dos soportes. Asemade, planeamos un proceso de exhaustiva documentación dos gravados, así como a mellora das súas condicións de visita. 

Pero na base de todo, no bastidor primeiro, está o factor humano, un equipo único, alegre e comprometido. Vémonos nas beiras do Lérez!

Arqueólogos: Tito Concheiro (director da actuación arqueolóxica), Elena Taboada, Benito Vilas e Darío Peña. 

Restauradores: Iria L. Baltar (responsable da restauración) e Alejandro Pujales.



Vista aérea da espectacular Laxe das Rodas do Lombo da Costa, antes do inicio dos traballos



O equipo de traballo diante da mítica Portela da Laxe, en Viascón



Benvidos de novo!

 Como as aves que migran ás portas do inverno, volvemos outra campaña aos petróglifos de Cerdedo - Cotobade, unha das zonas con maior densid...